DATOS DE CONTACTO

Praza da Constitución, 1, 15300 Betanzos, A Coruña.
Lu,Ma,Mé,Xo,Ve 9:00 am – 2:00 pm

SERVIZOS

O Concello de Betanzos dispón dun Servizo de Normalización Lingüística como ferramenta indispensable no proceso de normalización da lingua galega a nivel municipal. Este Servizo nace coa vontade de resolver todas as necesidades que no Concello existan sobre a nosa lingua, alén de contribuír á extensión do seu uso social e á recuperación de espazos, velando para que o galego sexa a lingua normal de comunicación a todos os niveis. Os seus obxectivos principais son incrementar o uso social da lingua, contribuír á galeguización da Administración local e mellorar a calidade das producións lingüísticas.

  • Asesorar á administración municipal en todo o relacionado coa política lingüística.

  • Facer seguimento do cumprimento da lexislación en materia lingüística por parte da institución.

  • Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método, etc., de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do Concello de índole diversa, e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.

  • Emitir informes sobre a oportunidade, conveniencia de accións do Concello con respecto ao fomento do uso e prestixio da lingua galega.

  • Colaborar coa administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios en cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos por parte dos/as aspirantes.

ASESORAMIENTO

O Servizo de Normalización Lingüística traballa para mellorar o uso da lingua galega na Administración local e tamén entre a súa cidadanía. O seu obxectivo principal é normalizar e incrementar o uso da lingua.

FORMACIÓN

Unha das funcións do Servizo de Normalización Lingüística é ofrecer información sobre a realización de cursos de lingua galega para a poboación en xeral, nomeadamente dos cursos preparatorios para as probas Celga.

DINAMIZACIÓN

O Servizo de Normalización Lingüística desde hai varios anos diferentes actividades de dinamización e normalización lingüística encamiñadas a promover o uso e extensión da lingua galega a todos os ámbitos da sociedade.

ACTIVIDADES REGULARES

Entre estas actividades destacan as que se realizan dentro da programación do Nadal, do Día de Rosalía de Castro, o Día da poesía, o Día internacional do libro, o Día das letras galegas ou o verán, entre outras orientadas a diversos colectivos e sectores da sociedade betanceira.

O obradoiro “A arte de contar” desenvólvese todos os anos entre os meses de xullo e agosto e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos. Esta actividade pretende fomentar a expresividade, a dinamización da lingua galega, a capacidade xestual e corporal, estimular a imaxinación e o xogo, ademais de promover a interacción entre os nenos e as nenas grazas a técnicas teatrais e a xogos de expresión corporal.

O obradoiro de radio interxeracional está dirixido a persoas de todas as idades e desenvólvese todos os meses de febreiro, marzo, abril e maio no Centro social da terceira idade. A actividade, que ten como obxectivo a promoción da nosa lingua, pretende converterse nun punto de encontro entre persoas de diferentes idades que queiran achegarse ao medio radiofónico. Os e as participantes crean contidos radiofónicos que se publican na rede. Entre eles, trabállase o xénero da entrevista, fanse pezas creativas, radioteatro, programas coa intención de poñer en valor a oralidade, a nosa cultura e de pasalo ben. A actividade, con beneficios a nivel comunicativo e terapéutico, remata no mes das Letras Galegas cunha velada de radio aberta ao público, que ten lugar a última fin de semana do mes das Letras Galegas.

Con motivo do Día das Letras Galegas o Concello de Betanzos organiza diversos obradoiros radiofónicos para o alumnado de secundaria centrados na figura homenaxeada nas Letras Galegas. No mes de maio de 2017 tiveron lugar os obradoiros radiofónicos Carlos Casares a través da radio, que foron impartidos polos especialistas Sergio Pascual e Lucía Abarrategui. Esta iniciativa naceu do propósito de levar a linguaxe radiofónica a vida e obra do escritor, a través dun achegamento do medio aos máis novos e novas. Nesta fusión o que se busca é potenciar a creatividade e a imaxinación co fío condutor da obra de Carlos Casares, para, desta forma incentivar e dar a coñecer a súa traxectoria literaria entre o alumnado dos diversos centros betanceiros dun xeito diferente, a través dunha ferramenta tan potente como é a radio.

O obradoiro de teatro para persoas con diversidade funcional está dirixido ao alumnado con diversidade funcional do Centro Pai Menni e desenvólvese entre os meses de marzo, abril e maio. Este obradoiro de artes escénicas para persoas con diversidade funcional ten entre os seus obxectivos, coñecer as ferramentas do teatro, fomentar o xogo como medio para entender a vida, traballar a imaxinación e a expresividade, desenvolver o control postural, entender a importancia do traballo en equipo, aprender a escoitar, afondar no traballo comunicativo tendo a lingua galega como elemento transversal, afondar no desenvolvemento psicomotor e promover o benestar e desenvolvemento das propias potencialidades psicolóxicas, cognitivas, afectivas e relacionais. Ademais, esta actividade terá como peche final unha mostra teatral do alumnado do devandito centro a finais do mes de maio dentro da programación das Letras Galegas.

O Concurso de carteis das Letras Galegas vai pola VIII edición e ten lugar cada ano no mes de abril. Durante este mes, o alumnado de primaria dos centros de ensino do Concello pode entregar os seus deseños centrados na figura escollida pola Real Academia Galega para o Día das Letras Galegas. No concurso outórgase un primeiro premio e dous accésits. O primeiro premio é o cartel que ilustra o programa das Letras Galegas do Concello de Betanzos dese ano.

O Concurso de creación literaria leva sete edicións e ten lugar cada ano entre os meses de abril e maio. Entre os obxectivos do Concurso de creación literaria están promover o emprego escrito da lingua galega e fomentar a creación literaria xuvenil. Neste concurso hai dúas modalidades de participación, relato curto e poesía. Tamén se establecen tres categorías nos premios, hai un primeiro premio e un accésit na categoría do alumnado da ESO, outro na categoría de Bacharelato e ciclos formativos e un último na categoría aberta para calquera persoa maior de idade.

Con motivo do Día internacional do Libro e da Lectura o Concello de Betanzos organiza diversos obradoiros de creación literaria nos centros de ensino de secundaria por conta de Antía Otero do colectivo Apiario. Estes obradoiros teñen como finalidade estimular a participación no Concurso de creación literaria e potenciar a escrita  en galego entre os mozos e mozas.

O Concurso de cartas aos Reis Magos ten lugar nos meses de decembro e xaneiro coa finalidade de animar á rapazada a lle escribiren as súas cartas en galego aos reis, promover a creación escrita entre os máis pequenos e pequenas, así como reflexionar sobre temas como a lingua galega, a solidariedade e a necesidade de sensibilización cos problemas sociais. Este concurso está dirixido a todo o alumnado que estea a cursar a Educación Infantil, Primaria e con diversidade funcional en Betanzos en cinco categorías que contan con cadanseu premio e accésit. Os propios Reis Magos entréganlles en persoa os premios aos gañadores e gañadoras o día da Cabalgata de Reis, o 5 de xaneiro.

As xincanas literarias “Rosalía na voz da xente” teñen lugar cada ano nos centros de ensino de primaria e secundaria de Betanzos con motivo do Día de Rosalía de Castro. Con este tipo de actividade preténdese homenaxear á escritora, conmemorar a data do seu nacemento e facer a máxima difusión da súa figura e obra.

Arredor do día 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro, o Concello organiza unha homenaxe á escritora en colaboración coa Asociación Cultural Eira Vella, os centros de ensino de Betanzos e diversas asociacións betanceiras. No ano 2017 presentou esta homenaxe a actriz galega Isabel Risco, tamén houbo un espazo para unha lembranza ao cantante galego Narf, recentemente falecido, e que hai dous anos participara nesta mesma homenaxe na Aula de Cultura Xulio Cuns tocando varios temas rosalianos. Najla Shami, vocalista e compositora galega con raíces palestinas, pechou a velada interpretando varios temas do seu último disco “Na lingua que eu falo” no que levou a cabo unha elegante e fonda ollada sobre os poemas de Rosalía de Castro. Tamén participou o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín, o IES As Mariñas e o CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, así como a Asociación Cultural A Fuliada e o Coro municipal de Coirós.

Con motivo do Día internacional do Libro e da Lectura o Concello de Betanzos organiza diversos contacontos nos centros de ensino de primaria. Este ano foi a narradora galega Raquel Queizás, a que achegou a través do conto “Cocorocó” un berro de loita contra as inxustizas, un canto que nos fai pensar, respectar e valorar aos que son diferentes a nós para defender a diversidade. Neste espectáculo de narración oral empréganse obxectos, monicreques, debuxos e interacción co público.

Cada ano durante o curso escolar o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza en colaboración do Departamento de Administración Pública do IES As Mariñas as Xornadas de linguaxe administrativa galega para o alumnado dos ciclos de formación profesional. A finalidade desta actividade é promover entre o alumnado o atendemento oral e escrito entre os/as futuros/as administrativos/as nos seus postos de traballo, de igual modo que fomentar a implicación da mocidade no proceso de normalización lingüística da lingua galega, pensando xa nos seus futuros espazos de traballo.

O Concello de Betanzos organizou esta campaña en colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín con motivo do Día internacional do libro e da lectura e o Días das letras galegas. Esta proposta pretende dar a coñecer e espallar nos comercios betanceiros as creacións poéticas que os máis pequenos e pequenas do centro crearon ao longo deste mes de abril, con motivo do Día da poesía. Todos os establecementos comerciais colaboradores deron a coñecer e espallaron as creacións poéticas dos nenos e das nenas entre o 17 de abril e o 17 de maio agasallando á súa clientela cos poemas.

Espectáculo de poesía “Moita poesía, pouca diversión”. Esta actividade, que correu por conta das poetas galegas María Lado e Lucía Aldao nos centros de ensino de secundaria, é un espectáculo de poesía en que o título non é outra cousa máis ca unha metáfora. Quen saiba ver detrás a letra do grupo punk Eskorbuto, esa que reza “mucha policía poca diversión/un error, un error!”, pode xa facerse unha idea clara da actitude coa que nacen os recitais de Lucía Aldao e María Lado. Pretende chamar a atención daqueles que miran a poesía de reollo. Para iso sérvense de tal provocación, que só encerra unha verdade: para elas a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza o espectador. Partindo deste presuposto Aldao e Lado presentan un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo.

Ao longo de todo o ano o Servizo de Normalización Lingüística organiza en colaboración coa Biblioteca Municipal Castelao diversas exposicións bibliográficas con motivos de datas sinaladas, como o Día de Rosalía de Castro, o Día da poesía, o Día internacional do libro e da lectura ou o Día das Letras Galegas. Así mesmo, desde hai varios anos vén realizando exposicións na rúa, concretamente nos balcóns dos edificios municipais, como a exposición “Versos rosalianos na rúa” que se realiza en febreiro de cada ano, ou a exposición “Manuel María e Betanzos”, que tivo lugar en maio de 2016 e a exposición “Mil palabras polo galego”, organizada con motivo das Letras Galegas en maio de 2017.

Your Content Goes Here

LEXISLACIÓN

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 21 de decembro de 2016, n.º 240 publicou a aprobación definitiva da Ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello de Betanzos.
A ordenanza declara o galego como idioma oficial do Concello; idioma que empregará “en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás, cos cidadáns e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas”.

A Lei 3/1983 de normalización lingüística foi aprobada por unanimidade no Parlamento o 15 de xuño de 1983. Este texto vén a encadrarse na protección das linguas “rexionais” recollida na Constitución de 1978, máxima norma do Estado español, e no capítulo de lingua dentro do Estatuto de 1981. Así, a Lei de normalización lingüística garante e regula os dereitos lingüísticos da cidadanía galega, especialmente os referidos aos ámbitos da administración, da educación e dos medios de comunicación.

A Lei 5/1988 do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais foi aprobada polo Parlamento galego no ano 1988. Esta lei recolle a necesidade de a Administración local desempeñar un papel activo no impulso da lingua galega co obxectivo de normalizar a súa situación.

A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias é un tratado asinado no ano 1992 no Consello de Europa. Ten como obxectivo promover e protexer as linguas as linguas rexionais e minoritarias históricas da Europa, así como as linguas oficias sen territorio e as linguas oficiais menos utilizadas.

RECURSOS DA LINGUA

Ortogal: corrector lingüístico en galego da Universidade de Vigo.
OpenTrad: tradutor lingüístico de galego a español, inglés e portugués; e á inversa.
Gaio: tradutor automático de galego a castelán, portugués e inglés da Xunta de Galicia.
Dicionario da RAG: dicionario de referencia para a lingua galega da Real Academia Galega.
Dicionário Estraviz: dicionario de grande repertorio con dobre posibilidade gráfica (galego internacional e galego ILG-RAG).
Digalego: dicionario completo da Xunta de Galicia con etimoloxías, equivalencias idiomáticas, conxugacións, sinónimos e antónimos
Dicionario de dicionarios: dicionario histórico da lingua galega do Instituto da Lingua Galega.
Dicionario de pronuncia: dicionario que recolle as pronuncias correctas de cada palabra do Instituto da Lingua Galega.