DATOS DE CONTACTO
EDIFICIOS CULTURAIS
Edificio Liceo:
- Aula de Cultura Xulio Cuns. Aforo 181 persoas.
- Sala Azul. Aforo 61 persoas.
- Sala de Esposicións Jesús Núñez.
- Sala de Usos Múltiples.
Centro Cultural Santo Domingo
- Cine Alfonsetti. Aforo 235 persoas das cales 68 pertencen ao anfiteatro.
- Museo das Mariñas.
- Sede da Biblioteca Municipal Castelao.
- Biblioteca Virtual.
- Aula Cemit e Telecentro.
- OMIX.
- Arquivo Histórico.
Centro Cultural San Francisco
- Conservatorio Municipal de Música.
- Banda Municipal de Música.
- Escola Municipal de Folclore (EMuF).
- Grupo Azougue.
- Camerata Brigantina.
SERVIZOS
Biblioteca Pública Municipal Castelao
Sita no Edificio Cultural Santo Domingo foi fundada en 1946 no antigo Colexio de Orfas e denominada “Castelao” según acordo plenario de 1980. A Biblioteca Pública Municipal Castelao ten un carácter comarcal con servizos de hemeroteca, sección Local e infantil, empréstitos, acceso gratuito e internet.
O seu horario de apertura é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas de luns a venres.
Aula CeMIT
Co obxectivo de potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. A AULA CEMIT do Concello de Betanzos dispón e 20 equipos con conexión a Internet, impresora, proxector, tv, servizo de videoconferencia. O Concello de Betanzos, ademáis conta cun Aula de informática: é un aula de traballo e ocio que dispón de 10 equipos con conexión a Internet. Este aula está aberta ao público cando na Aula CeMIT se están a impartir actividades formativas. Se queres ser usuario/a da aula CeMIT o único que tes que facer e cubrir a ficha de rexistro, para dispoñer do teu carne de usuario/a, e respectar as normas da aula. Todas as actividades son gratuítas.
Arquivo Municipal
O Arquivo Municipal de Betanzos é un traballo de toda a cidadanía de Betanzos que a través das súas colaboracións e donacións sitúa a Betanzos coma o Concello de Galicia que maior volume de documentación histórica pon ó servizo dos cidadáns.
Dende aquí podemos acceder a:
Museo das Mariñas
No antigo convento de San Domingos podemos atopar, xunto ao Arquivo e a Biblioteca Municipal, o Museo das Mariñas, un museo no que se concentra boa parte da historia da nosa cidade.
Repartido en dous andares podemos atopar obxectos e curiosidades de todas as épocas polas que pasou a vila de Betanzos, así como un apartado dedicado a museo etnográfico e varias salas con exposicións específicas.
Destacan a representación das antigas escolas García Irmáns, ideadas polos García Naveira, dous indianos que fixeron fortuna na Arxentina e que regresaron para invertir o seu capital en obras asistenciais; os restos medievais que se poden contemplar na planta baixa -moitos deles procedentes do antigo convento de San Francisco- ou coleccións privadas como as doadas por Rafael Seoane e a familia Cossío. Esta última está intimamente ligada ca Sala do Traxe, outra pequena colección de vestimentas de todas as épocas nas que podemos contemplar as diferentes formas de vestir que houbo en Betanzos.
ACTIVIDADES
Tras un silencio musical de 25 anos, no ano 1990, o Excmo. Concello de Betanzos, acordou a creación da Escola Municipal de Música, sendo o seu director Antonio Cal, realizándose o primeiro concerto dos alumnos e alumnas da Escola, baixo a súa dirección, en decembro do mesmo ano. O Concello, para facer realidade un vello soño da Cidade, facilita instrumentos, uniformes e profesorado,coa fin de promocionar non unha nova Banda de Música, senón a continuación mediante unha ponte de 25 pilares (un por cada ano de silencio) de aquela outra Banda tan entrañable desaparecida no 1965. A presentación oficial da nova Banda,realizouse nas festas patronais de agosto de 1991, sendo acollida con agarimo e emoción por todos os betanceiros e betanceiras. A partir de aquí, os éxitos cóntanse por actuacións. Estas tiveron lugar en toda a xeografía galega, así como en diferentes comunidades autónomas: CastelaLeón, Canarias, Murcia etc. Tamén participou en programas da TVE e TVG, así como gravacións de radio. gravou o seu 1º disco con motivo do 10º aniversario da súa “refundación”, que tivo unha magnífica acollida e gozou de excelentes críticas. En decembro de 2005 a Banda realizou unha xira pola República Arxentina que culminou cun extraordinaio éxito no Teatro Avenida da cidade de Bos Aires.
Na actualidade a Banda, cos seus directores, Juan Antonio Ferrer e Raúl Galán, atópase nun período de maior esixencia de calidade, sempre tendo en conta que a Banda Municipal de Música de Betanzos é unha agrupación de músicos en formación, non profesionais. Formada por 60 músicos, interpreta un repertorio variado que vai desde a música clásica a comtemporanea pasando, evidentemente, pola música popular. Ao longo do ano desenvolve varios concertos e actuacións na cidade e fóra desta como son nas procesións de Semana Santa, organiza un Encontro de Bandas, participa no xa clásico Concerto Cidade de Betanzos, nos desfiles das festas patronais, o Concerto Extraordinario de Nadal, etc… Normalmente desenvolve os seus ensaios os sábados entre as 11:00 horas e as 14:00 horas na súa sede.
Este proxecto do que hoxe é unha xoven orquestra de cámara, viu a luz pública o sábado 14 de abril do 2007 no que foi o seu concerto de presentación na Aula Municipal de Cultura do edificio Liceo (Betanzos) cunha moi entusiasta acollida dun público consciente de que o nacemento desa formación era un feito de enorme importancia na historia musical da cidade. Baixo a batuta do director Florian Vlashi, violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia e director do Grupo Instrumental Século XX, a Camerata está formada por un grupo de instrumentistas principalmente da sección de corda, mais tamén das seccións de vento metal e percusión, segundo o repertorio. Ten como base o alumnado do Conservatorio Municipal de Música, o seu profesorado, exalumnado e outros novos talentos con paixóns e inquietudes cara á música clásica. En moitas ocasións, colaboran nos seus concertos o profesorado da Sinfónica de Galicia creando así unha excelente escola orquestral para a mocidade. O repertorio fórmase maiormente dos grandes mestres da música barroca e clásica mais tamén do romanticismo e do século XX sen esquecer a música española e galega clásica e contemporánea. Nas tempadas pasadas estreou obras dos compositores galegos Paulino Pereiro e Antón Vázquez Casas.
Á marxe dos habituais escenarios de concertos, a Camerata ofrece actuacións en escolas, centros da terceira idade, hospitais etc. Xa actuou en varios escenarios como o Museo de Arte Contemporánea Unión FENOSA da Coruña, na Residencia de Anciáns García Naveira, Colexio Nosa Señora do Carme ou pechando o programa de actividades navideño de 2007/2008 en Aula de Cultura interpretando unha das obras mestras de todos os tempos “As catro estacións” de Vivaldi. Fiel ao seu nome de orixe florentina (século XVI) e á súa filosofía da Italia renacentista, a Camerata Brigantina coida que a arte da música podería ser mellorada converténdose nunha forma de vida, e así a sociedade tamén melloraría.
Enderezo: Centro Cultural San Francisco Rúa dos Cabildos, n.º 1 15 300 Betanzos Tel.: 981 773 696 / 981 770 100
O obxectivo principal da Escola Municipal de Folclore é abrir novas perspectivas na educación en contidos de cultura tradicional, proporcionando as persoas que desexen achegarse a estes contidos a posibilidade de desenvolver as súas capacidades creativas e a súa sensibilidade artística, ademais de afondar no seu coñecemento da cultura tradicional que nos identifica como pobo. Preténdese tamén conseguir que a música e a danza teñan, para os nosos alumnos e alumnas, un compoñente lúdico, emocional e creativo, potenciando máis os aspectos pedagóxicos e sociais que os puramente didácticos, a través duns plans de contidos flexibles, e adaptados, no posible, as necesidades do alumnado. Hoxe, a Escola Municipal de Folclore traballa na liña das institucións que perseguen unha formación integral do seu alumnado co traballo de contidos que lle son propios, todos eles arredor da cultura tradicional galega.
Grupo de Baile Azougue
O Grupo de Baile Azougue foi presentado ao público de Betanzos con motivo das Festas Patronais de San Roque de 1994, e así, xorde dun traballo de varios anos, desde 1986, no ámbito do baile tradicional de Galicia por parte do Concello de Betanzos. O Grupo de Baile Azougue, que debe o seu nome á que é copatroa da cidade, Sta. María do Azougue, é unha parte importante da Escola Municipal de Folclore de Betanzos, que co seu alumnado aliméntao para manter o seu nivel artístico, tanto no baile como a nivel instrumental o no tocante ás cantareiras e pandeireteiras. De todo isto dan fe os seus éxitos en diferentes festas populares, a súa participación no programa “Luar” da Televisión de Galicia, as súas actuacións fóra da Comunidade como en Tapia de Casariego, Pola de Siero ou en Lugones (Asturias), nas festas do Rosario en Bullas (Murcia), na Romaría de Tegueste (Tenerife), nas festas de Quintanilla de Onésimo (Valladolid), en León, en Vila Praia de Âncora, en Chafé ou en TrofaPorto (Portugal), Venta de Baños (Palencia), Terrasa (Barcelona), Miranda de Ebro (Burgos), Plasencia (Caceres), Calpe (Alicante), etc, tamén os seus premios en festivais e concursos como os organizados pola Asociación Xuvenil Xacarandaina da Coruña, a Asociación Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, Asociación Rosalía de Castro de Padrón, Asociación Cultural Terra de Sena de Cee ou a Asociación Airiños dos Carrís de Cerdido, entre outros. Co seu repertorio de bailes e diferentes vestiarios, ofrece un percorrido pola xeografía folclórica de Galicia, polas músicas, cancións, danzas e instrumentos, parte importante da nosa cultura. Este componse de pezas recollidas polo mesmo grupo e outros bailes e danzas montadas por outros grupos, mais sempre buscando interpretar o folclore, intentando lograr a maior pureza posible, pretendendo ser un exemplo vivo da arte popular galega transmitido pola tradición viva aínda en Galicia. O Grupo Azougue desenvolve a súa actividade ao longo de todo o ano, e os seus compoñentes son 25 rapaces e rapazas, entre corpo de baile, pandeireteirascantareiras e grupo de música tradicional.
O Conservatorio de Música de Betanzos nace na década dos anos oitenta do século XX, como filial do Conservatorio da Coruña e pasa a depender exclusivamente do Concello de Betanzos no ano 1990.
Nel impártense as materias de grao elemental que están reguladas no Decreto 198/2007 polo que se establece a ordenación do respectivo grao e das ensinanzas de réxime especial de música.
Conta cunha ampla oferta de especialidades instrumentais ademais das materias teóricas, complementarias e á vez imprescindibles para unha formación global do alumnado, coa premisa de crear non só futuros e futuras intérpretes, senón amantes da música en xeral.
Así mesmo, este Conservatorio, ten como obxectivo ser un centro de ensino musical vivo, aberto, integrador e innovador, que responda ás necesidades da cidade e da contorna e que se converta en núcleo dinamizador da música e da cultura en xeral. Un centro onde o ensino musical contribúa á formación integral do alumnado, a afianzar a súa personalidade, a dotalo de capacidade crítica, seguridade, autonomía persoal e favoreza a súa autoestima na busca constante de mellora intelectual e persoal.